Os primeiros peregrinos mariños da III Travesía Navega o Camiño soltaron amarras este sábado, ás 8:20 horas, desde o porto deportivo de Hondarribia.
Acompañados dunha lixeira brisa e cunha previsión de ventos portantes, norte, nordés, puxéronse en camiño para completar 16 días de navegación, con parada en once portos de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia. O párroco da ermida de Guadalupe, Lucio Francesco Saggioro, deu a bendición por radio ás trece embarcacións que tomaron a saída. O resto de barcos inscritos nesta terceira edición do Camiño de Santiago por mar iranse incorporando á travesía ao longo das restantes etapas.
Na tarde do venres a directora de Portos de Euskadi EKPSA, Edurne Egaña, selou as credenciais oficiais do Camiño de Santiago aos máis de 50 peregrinos, que festexaron o inicio desta aventura cun marmitako de benvida nas instalacións do Club Náutico de Hondarribia. Sail The Way está organizada por Northmarinas e conta co patrocinio dos gobernos locais e autonómicos de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia, ademais do apoio de empresas, como a multinacional española Repsol, patrocinador principal e de asociacións como ANEN, a Asociación Nacional de Empresas Náuticas.
Más info en Lindeiros